A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, realizou hoxe unha visita á casa de familia e ao centro de día San Aníbal da entidade Fillas do Divino Celo- Rogacionistas en Burela, un recurso destinado á atención de nenos, nenas e adolescentes, e nos que a Xunta -co cofinanciamento dos Fondos Feder- investiu preto de 50.000 euros destinados á realización de diferentes obras. Nesta visita acompañouna o Alcalde de Burela, Alfredo Llano.
A atención de día é unha medida de prevención e alternativa ao internamento que permite que os nenos, nenas e adolescentes poidan seguir convivindo coas súas familias mentres que os equipos técnicos de menores elaboran un itinerario de actuación individualizado para cada un deles. Así, búscase que a situación de dificultade que fixo necesaria a intervención nese familia, desapareza ou diminúa o risco ao que estaban expostos os menores.
Desde o centro de día que visitou hoxe a directora xeral, ofrécese apoio e seguimento escolar, orientación socio-educativa, animación do tempo libre e conta con servizo de transporte para recoller e trasladar aos nenos e nenas ao seu domicilio se é preciso. A Xunta de Galicia reforzou en dúas prazas as 18 que existían neste centro para o que se achega un total de 317.691 euros neste 2018.
Así mesmo, investíronse 24.986 euros en melloras da instalación, en adquisición de equipamento e en novas tecnoloxías (como por exemplo, unha pizarra dixital entre outros dispositivos).
Por outra banda, a casa de familia é un fogar funcional onde un equipo de profesionais presta atención integral durante as 24 horas do día, velando pola súa educación, saúde física e psíquica e desenvolvemento harmónico da súa personalidade. Nos últimos anos, a maioría dos usuarios son adolescentes de 14 a 18 anos cos que tamén se traballa a autonomía e a emancipación.
A Xunta conta con oito prazas na casa da familia para as que destina neste 2018 un total de 163.045 euros. Ademais, investíronse 24.894 euros para a mellora das instalacións, a moblaxe de salas e para a adquisición dunha pizarra dixital para facilitar o traballo socio-educativo.
Estas melloras realizadas en ambos centros e que chegaron a preto de 50.000 euros estiveron cofinanciadas con Fondos Feder.