CANTABRIA E PAÍS VASCO, A NOSA VIAXE LÚDICO-CULTURAL DE FEBREIRO
Os tres días de vacacións que dan, en febreiro, os colexios e institutos, coincidindo coa celebración do entroido, son sempre unha boa oportunidade para realizar cos usuarios dos nosos Centros algunha saída sociocultural que nos permita ofrecerlles un ámbito diferente no que socializar, gozar adquirindo coñecemento e estimular a súa participación en actividades de grupo.
Nesta ocasión, desde o sábado día 10 e ata o martes 13 de febreiro, organizamos unha viaxe polo Cantábrico para chegar, tras visitar Santander, a terras do País Vasco. Nesta saída, participaron oito menores de San Aníbal acompañados polos seus correspondentes educadores. Todo eles, como unha gran familia, gozaron deste desprazamento de catro días que supón sempre unha boa desconexión das rutinas diarias.
A viaxe deu comezo na mañá do sábado, facendo uso das furgonetas dos Centros San Aníbal, desprazándonos pola autovía do Cantábrico que ofrece, en moitos tramos, unhas fermosas vistas da zona costeira. Para a hora do xantar, atopabámonos xa na cidade de Santander, onde tamén puidemos dar un pequeno paseo. Nalgunha das imaxes que acompaña este texto, podemos ver ao grupo na zona do Sardinero, nas inmediacións do estadio de fútbol.
Chegada a noite, acadamos xa ao noso destino, en terras vascas. Tras o descanso, o domingo pola mañá esperábanos unha estimulante visita ao Centro Karpin de Acollida de Fauna, que conta con máis de 55 especies animais e está situado no municipio de Karrantza (Biscaia). As imaxes de acompañamento dan proba da variedade de fauna que os nosos mozos e mozas puideron observar moi de preto. Toda unha experiencia. Houbo tempo, tamén ese día, para dar unha volta por algunha das zonas máis turísticas de Bilbao, por exemplo, a área do Museo Guggenheim de arte moderna da capital biscaíña.
O luns, o noso percorrido levounos ás Covas de Pozalagua, tamén en terras de Biscaia. Con 125 metros de lonxitude e 40 metros de profundidade, este espectacular espazo é a maior concentración de estalactitas excéntricas de toda Europa. Sen dúbida, merece a pena visitar esta marabilla da natureza.
Como todo o bo acábase, o martes (día 13) tocaba xa retornar a Galicia, pero aproveitamos a viaxe de volta para visitar dous fermosos enclaves do occidente da comunidade cántabra, como son Comillas (cos seus edificios medievais e barrocos, pero tamén coñecida pola abundante obra modernista) e Santillana del Mar, a popularmente chamada “vila das tres mentiras” e que foi declarada conxunto histórico-artístico en 1889. Desde logo, un pequeno luxo, o darse un paseo por estas dúas fermosas localidades, antes de regresar xa a casa na tarde noite dese martes de entroido.