IBRAHIMA, RAPAZ DA NOSA CASA DE FAMILIA, RECIBE O PREMIO AO ESFORZO E Á SUPERACIÓN PERSOAL
O sábado 21 de decembro foi unha xornada de enorme ledicia para todos os que, dun xeito ou outro, formamos parte da obra social que se leva a cabo en San Aníbal: Ibrahima, un dos rapaces do noso centro de menores tutelados Casa de Familia, recibiu o Premio de Educación Secundaria Obrigatoria ao esforzo e á superación persoal correspondente ao curso 2023-2024, como alumno do IES Perdouro de Burela.
Ibrahima, de 16 anos, leva connosco ano e medio, tras unha estancia en Gran Canaria, onde chegou en patera procedente do seu país, Senegal. Viña coa idea de xogar ao fútbol e fichar por un dos grandes equipos da nosa Liga. Ata o momento é en Burela onde está estudando con tesón e amosando o seu talento, xogando nas categorías inferiores, pero en calquera caso, como el mesmo di: “Estou aquí para cambiar a vida da miña familia e para cambiar a miña propia; é por iso que me esforzo tanto, para chegar onde teño que chegar”.
Este curso Ibrahima está matriculado no IES Monte Castelo, onde realiza o Ciclo de Auxiliar de Enfermería. No futuro gustaríalle chegar a ser enfermeiro ou mestre, “para voltar ao meu país e seguir axudando alí”.
En San Aníbal estamos por suposto moi orgullosos do rapaz e este tipo de galardóns supoñen ademais un recoñecemento á labor que se leva a cabo, tanto no centro de acollida (onde tratamos de crear para eles un ambiente de familia) como no seu centro educativo.
Trátase da terceira vez que un mozo acollido en San Aníbal recibe este premio ao esforzo e á superación persoal, o que supón unha enorme satisfacción para todo o equipo de profesionais dos centros das Fillas do Divino Celo – Rogacionistas en A Mariña.
O acto de entrega destes galardóns da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional tivo lugar no Museo da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela e contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia. Rueda departiu uns minutos con Ibrahima, interesándose pola súa traxectoria persoal, o seu proceso de acollida en Burela e os seus estudos.