A PRESENTACIÓN DA NOSA MEMORIA 2023, TRATADA EN DETALLE NOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN DE A MARIÑA
O pasado venres, 24 de maio, faciamos chegar oficialmente aos medios de comunicación da comarca da Mariña, como tamén a medios do ámbito relixioso de toda España, a Memoria 2023 de actividades dos Centros e Programas das Fillas do Divino Celo – Rogacionistas que, desde as localidades de Burela e Foz, dan servizo a todo o ámbito xeográfico mariñán. Facilitábaselles aos medios a versión dixital (formato PDF) e, ademais, unha ligazón para visualizar o documento de forma máis dinámica e atractiva na versión 3D flip book:
https://www.hijasdivinocelo.com/3d-flip-book/fdz-memoria-2023/
Debemos dicir e, tamén, agradecer que a acollida e cobertura por parte da Prensa foi significativamente ampla. Os principais medios da nosa contorna (Cope da Costa, La Voz de Galicia, O Progreso, Crónica 3… ) dedicaron o seu tempo e o seu espazo para reflectir boa parte do realizado nesta Casa durante eses doce meses. Grazas a esta difusión, podemos facer chegar á sociedade en xeral, unha idea bastante precisa de todo o traballo realizado.
O principal titular destacado na maioría dos casos foi o número total de menores atendido entre os diferentes centros: 90 nenos, nenas e adolescentes, pertencentes a 66 unidades familiares. Ese total de usuarios repartiuse do seguinte modo:
- Centro de Atención de Día: 36 menores.
- Casa de Familia: 12 menores.
- Centro de Acollida e Inclusión Social: 6 menores.
- Espazo de Preservación Familiar: 36 menores.
- Centro de Acollida de Transición á Vida Autónoma (orientado a usuarios que xa cumpriron a maioría de idade e que necesitan apoio para poder iniciar unha vida autónoma adulta).
A Prensa destacou, igualmente, o novo concerto social establecido coa Xunta de Galicia en canto ao Centro de Atención de Día que, desde o pasado 1 de novembro, conta xa con 30 prazas, fronte ás 20 que tiña ata esa data.
Outra das novidades de 2023, da que xa viñeron informando amplamente os medios durante todo o ano, foi a posta en marcha, en Foz, dun novo programa: o Espazo de Preservación Familiar San Aníbal Familia Educa. Trátase dun novo recurso en materia de integración e convivencia familiar e realízase a través dun acordo marco de colaboración con Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol.
Loxicamente, un aspecto moi reflectido na cobertura mediática foi o orzamento, que alcanzou en 2023 a cifra de 1.056.000 euros, o que supuxo un incremento do 16% sobre o orzamento do anterior exercicio.